Monday 13 de May de 2024

O Concello de Boqueixón inicia as obras de renovación do alumeado público


O proxecto contempla a substitución de 232 luminarias en distintas parroquias

O Concello de Boqueixón vén de iniciar as obras de mellora de eficiencia enerxética no alumeado público. Os traballos comezaron polas parroquias de Camporrapado e O Forte.

“A esta primeira fase, seguiranlle outros proxectos que se acometerán en vindeiros exercicios. O obxectivo final é acadar a total renovación dos máis de 2.700 puntos de luz distribuídos por todo o municipio”, indica o alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín. “Grazas a estas actuacións acadaremos tamén unha considerable rebaixa nos custos do alumeado público”, engade.

As obras, que está a acometer a empresa Setga SLU, contan cun orzamento próximo aos 130.000 euros e ten un prazo de execución de seis meses. Os traballos comprenden a renovación das instalacións de alumeado nas rúas e interior de núcleos rurais, entre os que se atopan Ardesende, Camporrapado, Villalapaz e a Ponte.

As luminarias actuais están a ser substituídas por outras LED de última xeración e elevada eficiencia enerxética. O proxecto tamén prevé a reposición de 6 cadros de mando dos 130 existentes para adaptalos á normativa vixente nesta materia. “Deste xeito, estímase un aforro enerxético dun 68% nas instalacións afectadas por estas obras”, concreta o rexedor.

Esta actuación está acollido á liña de axudas a proxectos de Economía Baixa en Carbono promovidos por Entidades Locais, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e xestionada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), co obxectivo de conseguir unha Economía máis limpa e sostible. Do montante total do orzamento, o Concello aporta un 20%, mentres que o resto será asumido polo IDAE.